venres, 5 de outubro de 2018

Nova tempada do Proxecto APEGO

O pasado 14 de setembro volveu ao Auditorio Municipal de Ourense o programa de actividades en galego para o público infantil.

O 1º venres de cada mes, en dúas sesións (ás 18h. e ás 19h.) teremos a oportunidade de participar cos máis peques da casa nos espectáculos de teatro, música e danza en galego que se organizan desde o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ourense. Todas as propostas están pensadas para nenas e nenos de 0 a 6 anos, que entran de balde; as persoas adultas que as/os acompañemos temos que adquirir a nosa entrada en ataquilla.com de maneira anticipada (3€) ou na billeteira antes da función (4€).

Na axenda poderedes ir coñecendo a oferta de actividades programadas. 


Este venres 5 de outubro o espectáculo corre por conta de Pablo Díaz, quen fará unha viaxe a través dos contos coa música como fío condutor,tratando temas e rutinas adaptadas para os máis pequen@s. Para conseguilo,botará man de instrumentos como frautas, guitarra, harmónica, e algúns dos seus temas máis populares.Unha sesión relaxada onde a fantasía e a ilusión serán as protagonistas, e na que grandes e miúdos axudarán a cantar e a entoar as melodías e retrousos.

Pero o Programa Apego é moito máis! 

Se queredes coñecelo un pouco mellor, premede nesta ligazón para acceder a toda a información. 

Hai agasallos para as e os peques e se naceron ou van nacer neste 2018, hai unha caixa de benvida agardando por ela/el.

11ª edición do FITO




Onte comezou o Festival Internacional de Teatro de Ourense.

É unha boa forma de achegarse ao teatro e tamén de asistir a obras realizadas en Galicia e en galego.

A oferta é ben ampla e pode ser unha boa opción para gozar do tempo de lecer.

Os espectáculos e animación de rúa, así como os do Encontro de Mulleres Creando son de balde. O prezo dos billetes para o resto dos espectáculos programados que se representarán tanto no Auditorio Municipal como no Teatro Principal é de 8€ (agás a obra Todas las mujeres, cun prezo a partir de 12€) para o público xeral e de 5€ para estudantes, xubilados e persoas en situación de desemprego.

Poderedes acceder ao programa de actividades e máis información premendo aquí.

Seguro que atopades algunha proposta interesante!



Xa sodes oíntes de Radio Picariña?


Coñecedes esta iniciativa da CRTVG que leva funcionando desde o pasado mes de xuño?

"Radio Picariña" é unha canle dixital de música infantil e xuvenil a través da cal podemos acceder a unha selección das mil mellores cancións en lingua galega para a rapazada.

O funcionamento é ben sinxelo. Accedendo á canle desde esta ligazón podemos seleccionar os temas, crear a nosa propia listaxe de reprodución e escoitar desde o PC ou desde calquera dispositivo móbil a música escollida.

As cancións están ordenadas de forma alfabética por título. Na información que se mostra está o título da canción, o álbum ao que pertence e os autores da mesma. Doado, non si?

Xa sabedes, se queredes que as vosas pequenas e pequenos escoiten música en galego, que se acheguen á lingua dunha maneira lúdica e que aprendan, aquí tedes un bo recurso do que botar man.

As linguas suman!

luns, 1 de outubro de 2018

Premio Frei Martín Sarmiento, anímaste a ler?





Un ano máis (e xa van 13!), invitámosvos a participar no Premio Frei Martín Sarmiento organizado por Escolas Católicas de Galicia lendo DOUS libros en galego, como xa explicamos nas reunións de inicio de curso.

Só tedes que lelos e puntualos de 0 a 10. O prazo empeza agora e remata a finais de abril de 2019.

No curso pasado participamos 803 rapaces/as e 135 persoas adultas.

Na categoría de persoas adultas pode inscribirse calquera que se anime a ler: nais, pais, avoas, avós, irmás e/ou irmáns maiores, profesorado, animadoras e animadores de tempo libre, adestradoras e adestradores...

Así que xa sabedes: contaxiade o gusto pola lectura e inscribídevos!

Ilusiónanos moito esta proposta e desexamos que todas e todos gocemos lendo en galego e contaxiemos ese gusto a toda a nosa familia.
 
As obras seleccionadas para a presente edición son:


EIRÉ, AFONSO; Memorias dunha vaca marela; Hércules de Ediciones


VILA BALEATO, LITO; Campus Morte; Ed. Galaxia


Unha aperta chea de libros que nos fan libres. Feliz lectura!

Se queredes saber máis do premio, aquí vos deixamos a ligazón ao blog.

sábado, 3 de marzo de 2018

Seguimos preparándonos para comezar con forza as X Xornadas da Lingua: "Escolle non escoller".


Aquí vai o segundo vídeo (do que falabamos nunha entrada anterior) para poñernos en contexto de cara á celebración das X Xornadas da Lingua que comezamos o luns 5 de marzo.

Desta volta escollimos unha charla de Manuel Núñez Singala (sociolingüista, escritor, director do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela...). 

Algunhas persoas tivemos ocasión de escoitalo xa falar do tema nas nosas Xornadas da Lingua no cole; desta volta deixámosvos a súa intervención no LGx15 impulsado pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) para que tamén vós coñezades a súa proposta: "Escolle non escoller".

Boa fin de semana!


venres, 2 de marzo de 2018

Sabías que...


No Botánico de Montealegre organizan actividades en fins de semana e vacacións escolares?
 
O próximo domingo, 4 de marzo ás 11:00h., para celebrar o "Día da árbore", levarase a cabo a actividade "Adopta unha árbore", para todas aquelas persoas de 3 anos en adiante que desexen participar.

Nesa primeira xornada explicarase en que vai consistir a actividade, farase un percorrido polo botánico para escoller unha árbore e comprometerse a que estea ben coidada. 

Haberá unha segunda xornada o 18 de marzo no mesmo horario. Desta volta entregaráselle a cada participante na xornada anterior unha placa identificativa para colocar xunto á árbore "adoptada".

Coñecer a natureza e coidala está nas mans de todas e todos; transmitírlles ás nenas e nenos a importancia disto, nas mans das persoas adultas.

Animádesvos a participar en familia nestas actividades? 

Deixámosvos aquí a ligazón á súa páxina web para que poidades informarvos do que fan por se é do voso interese.

xoves, 1 de marzo de 2018

Quecendo motores para a celebración das X Xornadas da Lingua en Salesianos Ourense

O próximo luns, 5 de marzo, darán comezo as X Xornadas da Lingua: "Eu falo, ti podes... Inténtao!".

Porque cremos que as linguas suman, que a diversidade lingüística é un patrimonio que debemos coidar e promover, e porque queremos un futuro para a lingua galega, propoñémosvos ver un par de vídeos publicados pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL). 

Pertencen ao proxecto "LGx15", co que se pretenden difundir ideas para o futuro da lingua a través de charlas e exposicións de argumentos e experiencias cuxa duración non supere os 15 minutos e coas que se busca "influír nas actitudes e conciencia lingüística do galego".

Aquí vos deixamos o primeiro, no que "o neurocientífico Xurxo Mariño lle dá voltas á relación entre cerebro, mente e lingua, e á construción da memoria e da mente consciente a través da lingua...".
 

mércores, 28 de febreiro de 2018

Exposición "In tempore sueborum"


Aínda non fostes visitar a exposición "In tempore sueborum"?

Hai visita guiada todos os días ás 18:30h. Pode ser unha actividade interesante para compartir en familia, coas amizades... Ao estar localizada en diferentes espazos da cidade tamén pode ser unha oportunidade para coñecer os recursos culturais que esta nos ofrece.

Deixámosvos aquí a ligazón á páxina web da exposición para que dispoñades de máis información.

Esperamos que sexa de interese para vós. É unha oportunidade única para coñecer un pouco mellor a nosa historia.

martes, 27 de febreiro de 2018

Webserie galega e en galego: "Galicia Crime"


O próximo sábado 3 de marzo, celebrarase a XVI Edición dos Premios Mestre Mateo organizada pola Academia Galega do Audiovisual (AGA).

Coñécense quen son finalistas, pero para saber a quen se lles entrega desta volta os premios da Academia haberá que agardar ata a fin de semana.

Seguramente poidamos coñecer o que se está facendo no eido audiovisual galego. É importante coñecer para valorar.

Hoxe queremos compartir con vós a nosa descuberta da edición pasada: a web serie galega e en galego "Galicia Crime", "ambientada nos Concellos Unidos de Galicia, unha terra que mestura bica con pancakes, muñeiras con country, o enxebre co cool. Un lugar no que calquera soño é posible, a terra das oportunidades e o marisco". 

As risas están aseguradas.

Dádeslle unha oportunidade!

No vídeo vai o 1º capítulo da Temporada 1. Nesta ligazón, o acceso á súa páxina web para que poidades botarlle unha ollada ao proxecto, aos demais capítulos, ao caderno de produción...

Pioneiras. Galegas que abriron camiño.


"Unha das primeiras correspondentes de guerra foi galega, tamén unha das primeiras navegantes, escritoras ou directoras dun xornal. Este libro fala de doce mulleres que conseguiron vencer as barreiras impostas ao seu xénero e dar os primeiros pasos por vieiros transitados ata ese momento só por homes. Mulleres reais e diversas que no seu día foron pioneiras en diferentes ámbitos e cuxas historias merecen ser coñecidas e postas en valor."

Así presenta Xerais esta obra na súa páxina web.

O próximo luns 5 de marzo comezaremos no colexio as X Xornadas da Lingua. Nesta edición o alumnado traballará o tema da muller desde a clase de Inglés, relacionando as Xornadas coa celebración do Día da Muller o 8 de marzo. A través desta actividade coñecerán mulleres galegas que fixeron historia, dun xeito ou outro. 

Poderedes seguir as novas en imaxes a través das redes sociais do colexio.

domingo, 25 de febreiro de 2018

Bo día, acougo


Como ben sabedes, no colexio estamos traballando o tema das emocións en todas as etapas educativas.

Hoxe deixámosvos unha recomendación para traballar coas vosas fillas e fillos "exercicios de relaxación con palabras e movementos": Bo día, acougo, un libro de Anne Crahay publicado por Tambre (Edelvives) en 2017.

Desexamos que vos axude a compartir con elas e eles momentos especiais e que aprendan a xestionar as emocións de maneira positiva.

sábado, 24 de febreiro de 2018

Hoxe, 24 de febeiro, celebramos o Día de Rosalía, 181 anos despois do nacemento da autora.

No colexio celebrámolo onte, sumándonos así á iniciativa promovida pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG). #AbrideAFiestra

En EP escribiron cartas a Rosalía e fixeron fotos co rostro da escritora simbolizando que "todas e todos somos Rosalía".

En ESO-Bac. saímos á fachada do colexio para escoitar temas musicais baseados nos poemas de Rosalía, ler o manifesto escrito por María Reimóndez para a AELG e ler algúns poemas. Estivemos presentes neste xesto escolar os vogais de Normalización Lingüística de cada aula e o alumnado de "º Bac. B, acompañados por profesorado do EDLG.

Podedes ver fotografías nas redes sociais do colexio, tanto no Facebook como no Twitter.
Desde o EDLG convidámosvos a celebrar este día tamén nas familias con estas recomendacións:
- Para que as nenas e nenos coñezan a obra de Rosalía, podedes botar man da publicación de Galaxia na súa colección Sonárbore (libros-CD): Rosalía pequeniña. 

-  Para as mozas e mozos, recomendamos esta lista de reprodución de YouTube na que poderedes atopar os poemas rosalianos a ritmo de rap, rock...

- Para o público adulto que queira coñecer un pouco máis a fondo a emblemática figura de Rosalía de Castro, recomendamos a biografía escrita por María Xesús Lama, Rosalía de Castro. Cantos de independencia e liberdade (1837-1863), publicado tamén por Galaxia.

Desexamos que todas e todos descubramos en Rosalía un referente de esperanza que nos leve a sentírmonos orgullosos da nosa lingua, a nosa terra, a nosa cultura e traballemos cada día por darlles un futuro de esperanza.

Deixamos aquí un tema de Xardín Desordenado baseado nun escrito de Carlos Casares (autor homenaxeado no Día das Letras Galegas en 2017) dedicado a Rosalía para celebrar este día. 



Feliz Día de Rosalía!

xoves, 25 de xaneiro de 2018

Volve Youtubeir@s!

Este ano imos ter a oportunidade de encher a rede de contidos en galego.

Calquera pode participar. Os "únicos" requisitos que teñen que cumprir os vídeos que se presenten ao certame son:
  • Axeitarse ás categorías de vídeo-facermos ou vídeo-opinarmos.
  • Estar en galego.
  • Non superar os 5 minutos de duración.
  • Fican expresamente excluídos das propostas os traballos de índole comercial ou publicitaria e aqueles vídeos que promovan unha mensaxe violenta, denigrante ou ofensiva.
Nesta edición, como novidade, tamén se pode participar propoñendo vídeos xa feitos por outras persoas e/ou votando os vídeos que máis gusten.

Quen se anima?

O ano pasado pasámolo moi ben na gala de entrega de premios; haberá que repetir, ou que?

Máis información nesta ligazón

Actividades infantís no Auditorio de Ourense

Continúan as actividades para o público infantil dos domingos ás 12:00h. (ou o 1º venres de mes a partir das 18:00h. na Sala Apego).

Premendo nesta ligazón poderedes atopar máis información.

O próximo domingo 28 de xaneiro, Martín Martín - Mircromina.


Pode ser unha boa maneira de que a rapazada se familiarice coa lingua e o teatro, non credes?