luns, 27 de febreiro de 2017

Día de Rosalía


O pasado venres 24 de febreiro celebramos o Día de Rosalía no 180º aniversario do seu nacemento.

No noso cole celebrámolo pintando carautas co rostro da poeta, lendo poemas seus, vendo un vídeo conmemorativo desta celebración, tomando un chocolate e dialogando sobre como potenciar o uso do galego no noso colexio.

Podedes seguir a noticia en imaxes a través dos chíos publicados na conta do colexio en Twitter.

Para seguir celebrando este día cada día deixámosvos uns vídeos. 

O primeiro para os máis pequenos da casa: "Rosalía pequeniña", publicado por Galaxia na súa colección Sonárbore. Disco-libro altamente recomendable para introducir os máis cativos no mundo da poesía. 



O segundo xa para o público máis adulto: "Meniña gaiteira", interpretado por Xardín Desordenado, grupo vigués que nos acompañou o curso pasado nas nosas Xornadas da Lingua.



Desexamos que vos gusten e que sexan unha boa vía de achegamento á obra e o pensamento da nosa poeta máis internacional.

Saúde e lingua!

martes, 14 de febreiro de 2017

Lestes os últimos números da revista Ollos de aula?



A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística segue a publicar esta revista para as familias do alumnado.

Neste blog xa fixemos referencia a ela noutras ocasións.

Convidámosvos a visitar a páxina da Coordinadora e botarlle unha ollada a aquel(es) número(s) que aborden temas que sexan do voso interese.

Desexamos que aprendades moito e que vos aproveite a súa lectura.

Coñecedes a programación infantil do Auditorio Municipal de Ourense?


Os domingos, ás 12:00h. hai actividades destinadas ao público infantil no Auditorio.

Pero non só os domigos!

O primeiro venres de cada mes, ás 18:00h. e ás 19:00h. na Sala Apego do mesmo Auditorio hai actividades para rapazas e rapaces de 0 a 6 anos.

Aquí vos deixamos unha ligazón para acceder á programación.

Animádevos a participar!

Coñecedes o programa "Apego"?



Que é? 
Apego é un programa colectivo creado para fomentar e mellorar a transmisión do galego como lingua inicial.

Cal é o lema deste programa? 
"Apego, pola vida e pola lingua". Este é o lema deste proxecto no que os pais e nais, e os educadores en xeral, van atopar orgullo pola máis orixinal das nosas creacións e forza para preservala e transmitila.

Como naceu a idea?

Naceu por iniciativa da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización Lingüística e desenvólvese, de xeito cooperativo, entre os servizos de normalización dos concellos adheridos.

A quen está dirixido?

Diríxese ao contexto familiar e social dos nenos e nenas nos seus primeiros anos de vida (0 a 6) para achegarlle argumentos e facilitarlle ferramentas e redes que sosteñan e arroupen a crianza en galego.

Amor, arraigo, lingua, orgullo e identidade. 

Apego é empatía, vínculo, comunidade… Apego é apoio para a responsabilidade de construír o futuro desde a raíces e a lingua propia.

Nesta ligazón poderedes atopar máis información, recursos, actividades... 

Animádevos a legarlle tamén á rapazada o amor pola lingua.