sábado, 7 de outubro de 2017

Para amantes da literatura e os libros...


Sabías que na radio galega hai un programa sobre literatura que presenta e dirixe María Solar?

Podes escoitalo todos os sábados ás 15:00h.

Se aínda non o escoitaches nunca (ou se queres volver escoitar algún dos emitidos), nesta ligazón poderás acceder a todos os podcast: http://www.crtvg.es/rg/programas/chamando-a-terra.

Podes seguir as novas do programa tamén a través da súa páxina en Facebook.

Actividades infantís no Auditorio


Se queredes compartir o voso tempo de lecer coas vosas fillas e fillos e facelo en galego, o Auditorio de Ourense ten unha programación infantil ben interesante.

O primeiro venres de mes, na Sala Apego, actividades para nenxs de 0 a 3 anos. Elxs entran de balde, as persoas adultas pagamos unha entrada de 3€.

Os domingos, ás 12:00h., teatro para a rapazada.

Aquí vos deixamos unha ligazón á programación de setembro a decembro de 2017: http://www.ourensecultura.com/gfx/Blog/files/PROGRAauditoINF2017web.pdf

Porque a cultura é un ben que se transmite desde a familia, animádevos a participar desta oferta en galego.

Gústache ler?

 
Neste curso tamén vos ofrecemos a posibilidade de participar no Premio literario Frei Martín Sarmiento, que consiste en ler ao longo do curso dúas obras en galego e puntualas de 0 a 10.

A participación do alumnado xestiónase desde o profesorado de EI, EP e ESO-Bac. As persoas adultas que queirades participar podedes inscribirvos a través da circular que vos entregamos na reunión de inicio de curso (se non a tedes, podedes coller unha en Secretaría).

As obras seleccionadas este curso son: 

* RIVEIRO COELLO, ANTÓN; A ferida do vento; Ed. Galaxia.
* FRAGA, ANTONIO M. ; A virxe das areas; Edicións Embora.

Se che gusta ler, anímate e participa. O teu exemplo é a mellor campaña de fomento da lectura!

Para máis información, pregúntanos ou accede ao blog do Premio nesta ligazón: http://www.blogoteca.com/sarmiento/

Curso 2017-2018: Comezamos!


Benvidas e benvidos un curso máis ao blog do EDLG (para quen sexades novxs, o Equipo de Dinamización da Lingua Galega) de Salesianos Ourense.

A través desta canle queremos darvos a coñecer actividades para o fomento do uso do galego, tanto propias do equipo como outras organizadas por outros colectivos que teñan como finalidade promover o uso da lingua galega en todos os ámbitos.

Podedes enviarnos achegas, comentarios, recursos... A idea é que este ano sexamos máis persoas as que dinamicemos este espazo.

Animádevos e participade!

martes, 16 de maio de 2017

Carlos Casares tamén en Salesianos


Aquí vos deixamos o vídeo que realizou o alumnado de 5º e 6º EP para a Festa da Lingua, celebrada en Carmelitas o pasado 20 de abril.

Con el queremos sumarnos á homenaxe a Carlos Casares con motivo do Día das Letras Galegas.

Desexamos que vos guste.

martes, 28 de marzo de 2017

Teatro infantil: A galiña azul, de Carlos Casares


Familias!

O vindeiro domingo, 2 de abril, ás 17:00h. no Auditorio Municipal de Ourense representarase unha adaptación da obra A galiña azul, de Carlos Casares.

Está pensada para rapazas e rapaces de 6 a 10 anos, acompañados polas súas familias.

É unha boa oportunidade para gozar do teatro en familia e homenaxear dalgún xeito ao autor a quen este ano a Real Academia Galega lle adica o Día das Letras Galegas.

Para máis información, podedes premer na seguinte ligazón: A galiña azul en Ourense.

domingo, 5 de marzo de 2017

"Escribindo o futuro". Encontros con...

Compartides con nós a honra e o privilexio de charlar con Diego Ameixeiras, María Canosa, Francisco Castro e Carlos Vila Sexto?

Este martes, 7 de marzo ás 17:45h. na Aula Magna do colexio.

Ao rematar seguiremos cun encontro informal na Sala Aberta, degustando os doces que se presenten ao II Concurso de doces tradicionais galegos.

Agardámosvos!

Proxección de curtas durante os recreos de ESO-Bac.


Aquí vos deixamos o calendario de proxeccións para os recreos desta semana.

LUNS 6 DE MARZO: LOITA DE CLASES (duración: 3’44”)
MARTES 7 DE MARZO:  CASTELOS DE FAME (duración:  16’32”)
MÉRCORES 8 DE MARZO: GALICIA HISTORY X (duración:  19’03”)
XOVES 9 DE MARZO:  A VIDA DO ESTUDIANTE ÉCHE ASÍ DE DURA (duración:  9’53”)
VENRES 10 DE MARZO:  A ESTADEA (duración: 16’06”)


Lembrámosvos que as proxeccións comezarán ás 11:10h. na Aula Magna.

Agardamos a vosa participación!

IX Xornadas da Lingua

Un ano máis, e xa van 9!, comezamos coas nosas Xornadas da Lingua.

Aquí vos deixamos o cartel coas actividades que se van desenvolver a partir do 6 de marzo no noso colexio.

Agardamos que vos gusten e que participedes nelas.


 

luns, 27 de febreiro de 2017

Día de Rosalía


O pasado venres 24 de febreiro celebramos o Día de Rosalía no 180º aniversario do seu nacemento.

No noso cole celebrámolo pintando carautas co rostro da poeta, lendo poemas seus, vendo un vídeo conmemorativo desta celebración, tomando un chocolate e dialogando sobre como potenciar o uso do galego no noso colexio.

Podedes seguir a noticia en imaxes a través dos chíos publicados na conta do colexio en Twitter.

Para seguir celebrando este día cada día deixámosvos uns vídeos. 

O primeiro para os máis pequenos da casa: "Rosalía pequeniña", publicado por Galaxia na súa colección Sonárbore. Disco-libro altamente recomendable para introducir os máis cativos no mundo da poesía. 



O segundo xa para o público máis adulto: "Meniña gaiteira", interpretado por Xardín Desordenado, grupo vigués que nos acompañou o curso pasado nas nosas Xornadas da Lingua.



Desexamos que vos gusten e que sexan unha boa vía de achegamento á obra e o pensamento da nosa poeta máis internacional.

Saúde e lingua!

martes, 14 de febreiro de 2017

Lestes os últimos números da revista Ollos de aula?



A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística segue a publicar esta revista para as familias do alumnado.

Neste blog xa fixemos referencia a ela noutras ocasións.

Convidámosvos a visitar a páxina da Coordinadora e botarlle unha ollada a aquel(es) número(s) que aborden temas que sexan do voso interese.

Desexamos que aprendades moito e que vos aproveite a súa lectura.

Coñecedes a programación infantil do Auditorio Municipal de Ourense?


Os domingos, ás 12:00h. hai actividades destinadas ao público infantil no Auditorio.

Pero non só os domigos!

O primeiro venres de cada mes, ás 18:00h. e ás 19:00h. na Sala Apego do mesmo Auditorio hai actividades para rapazas e rapaces de 0 a 6 anos.

Aquí vos deixamos unha ligazón para acceder á programación.

Animádevos a participar!

Coñecedes o programa "Apego"?



Que é? 
Apego é un programa colectivo creado para fomentar e mellorar a transmisión do galego como lingua inicial.

Cal é o lema deste programa? 
"Apego, pola vida e pola lingua". Este é o lema deste proxecto no que os pais e nais, e os educadores en xeral, van atopar orgullo pola máis orixinal das nosas creacións e forza para preservala e transmitila.

Como naceu a idea?

Naceu por iniciativa da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización Lingüística e desenvólvese, de xeito cooperativo, entre os servizos de normalización dos concellos adheridos.

A quen está dirixido?

Diríxese ao contexto familiar e social dos nenos e nenas nos seus primeiros anos de vida (0 a 6) para achegarlle argumentos e facilitarlle ferramentas e redes que sosteñan e arroupen a crianza en galego.

Amor, arraigo, lingua, orgullo e identidade. 

Apego é empatía, vínculo, comunidade… Apego é apoio para a responsabilidade de construír o futuro desde a raíces e a lingua propia.

Nesta ligazón poderedes atopar máis información, recursos, actividades... 

Animádevos a legarlle tamén á rapazada o amor pola lingua.