jueves, 25 de enero de 2018

Volve Youtubeir@s!

Este ano imos ter a oportunidade de encher a rede de contidos en galego.

Calquera pode participar. Os "únicos" requisitos que teñen que cumprir os vídeos que se presenten ao certame son:
  • Axeitarse ás categorías de vídeo-facermos ou vídeo-opinarmos.
  • Estar en galego.
  • Non superar os 5 minutos de duración.
  • Fican expresamente excluídos das propostas os traballos de índole comercial ou publicitaria e aqueles vídeos que promovan unha mensaxe violenta, denigrante ou ofensiva.
Nesta edición, como novidade, tamén se pode participar propoñendo vídeos xa feitos por outras persoas e/ou votando os vídeos que máis gusten.

Quen se anima?

O ano pasado pasámolo moi ben na gala de entrega de premios; haberá que repetir, ou que?

Máis información nesta ligazón

Actividades infantís no Auditorio de Ourense

Continúan as actividades para o público infantil dos domingos ás 12:00h. (ou o 1º venres de mes a partir das 18:00h. na Sala Apego).

Premendo nesta ligazón poderedes atopar máis información.

O próximo domingo 28 de xaneiro, Martín Martín - Mircromina.


Pode ser unha boa maneira de que a rapazada se familiarice coa lingua e o teatro, non credes?

sábado, 7 de octubre de 2017

Para amantes da literatura e os libros...


Sabías que na radio galega hai un programa sobre literatura que presenta e dirixe María Solar?

Podes escoitalo todos os sábados ás 15:00h.

Se aínda non o escoitaches nunca (ou se queres volver escoitar algún dos emitidos), nesta ligazón poderás acceder a todos os podcast: http://www.crtvg.es/rg/programas/chamando-a-terra.

Podes seguir as novas do programa tamén a través da súa páxina en Facebook.

Actividades infantís no Auditorio


Se queredes compartir o voso tempo de lecer coas vosas fillas e fillos e facelo en galego, o Auditorio de Ourense ten unha programación infantil ben interesante.

O primeiro venres de mes, na Sala Apego, actividades para nenxs de 0 a 3 anos. Elxs entran de balde, as persoas adultas pagamos unha entrada de 3€.

Os domingos, ás 12:00h., teatro para a rapazada.

Aquí vos deixamos unha ligazón á programación de setembro a decembro de 2017: http://www.ourensecultura.com/gfx/Blog/files/PROGRAauditoINF2017web.pdf

Porque a cultura é un ben que se transmite desde a familia, animádevos a participar desta oferta en galego.

Gústache ler?

 
Neste curso tamén vos ofrecemos a posibilidade de participar no Premio literario Frei Martín Sarmiento, que consiste en ler ao longo do curso dúas obras en galego e puntualas de 0 a 10.

A participación do alumnado xestiónase desde o profesorado de EI, EP e ESO-Bac. As persoas adultas que queirades participar podedes inscribirvos a través da circular que vos entregamos na reunión de inicio de curso (se non a tedes, podedes coller unha en Secretaría).

As obras seleccionadas este curso son: 

* RIVEIRO COELLO, ANTÓN; A ferida do vento; Ed. Galaxia.
* FRAGA, ANTONIO M. ; A virxe das areas; Edicións Embora.

Se che gusta ler, anímate e participa. O teu exemplo é a mellor campaña de fomento da lectura!

Para máis información, pregúntanos ou accede ao blog do Premio nesta ligazón: http://www.blogoteca.com/sarmiento/

Curso 2017-2018: Comezamos!


Benvidas e benvidos un curso máis ao blog do EDLG (para quen sexades novxs, o Equipo de Dinamización da Lingua Galega) de Salesianos Ourense.

A través desta canle queremos darvos a coñecer actividades para o fomento do uso do galego, tanto propias do equipo como outras organizadas por outros colectivos que teñan como finalidade promover o uso da lingua galega en todos os ámbitos.

Podedes enviarnos achegas, comentarios, recursos... A idea é que este ano sexamos máis persoas as que dinamicemos este espazo.

Animádevos e participade!

martes, 16 de mayo de 2017

Carlos Casares tamén en Salesianos


Aquí vos deixamos o vídeo que realizou o alumnado de 5º e 6º EP para a Festa da Lingua, celebrada en Carmelitas o pasado 20 de abril.

Con el queremos sumarnos á homenaxe a Carlos Casares con motivo do Día das Letras Galegas.

Desexamos que vos guste.